O certame acolle a grande première da animación galego-musa ‘Os demos de barro’.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2022.- As dúas primeiras sesións deste domingo no Teatro Principal estarán centradas en dous filmes da sección Cineuropa miúda. Ás 16 h. dará comezo Oink, a ópera prima de Mascha Halberstad, unha fermosa animación en stop-motion dirixida a todos os públicos que abriu a sección infantil da Berlinale deste ano. Esta é a historia de Babs, unha meniña vexetariana que recibe inesperadamente un porquiño ao que quererá adoptar por riba de todo, mais a súa familia quererá todo tipo de probas que demostren que a convivencia será pacífica e responsable. O divertido —e tenro— da película é que todo o que poida saír mal, sairá mal.
Ás 18 h. celebrarase a grande première de Os demos de barro, outra bela animación dirixida desta vez polo luso Nuno Beato e producida por, entre outros, o produtor galego Xosé Manuel Zapata. Como en Oink, a técnica utilizada é o Stop Motion, convertendo o filme na primeira longametraxe animada en stop motion de Portugal. Pero por se esta non fora fazaña dabondo, o feito de que sexa unha historia elegante, empática e emocionalmente rica fan de Os demos de barro unha peza imprescindible.
Á mesma hora, pero no cinema Numax, o cineasta Manuel Iborra presentará La club Virginia, un documental sobre a azarosa rodaxe de Orquesta Club Virginia, a icónica película protagonizada por Jorge Sanz, Antonio Resines, Santiago Ramos, Enrique San Francisco, Juan Echanove, Pau Riba e Emma Suárez. Un retrato do fracaso dun director superado pola película e da inquebrantable amizade que se forxou entre os seus protagonistas.
Cómpre salientar, igualmente, o primeiro pase de La nuit de 12 (A noite do 12), un thriller tenso e denso de Dominik Moll que fará as delicias do público afeccionado ao xénero. O segundo pase é no maratón, así que o mellor para gozala de xeito individual é asistindo a este pase do domingo ás 20:30 h. no Salón Teatro.
E máis, moito máis…
Broker, Master Gardener e Great Yarmouth despediranse de Cineuropa tamén este domingo. O novo de Koreeda, Broker —definido polo crítico Luis Martínez como un filme “belo, diáfano e conciliador”— terá o seu último pase ás 18 h. no Salón Teatro. Pola súa banda, Master Gardener, un dos filmes máis luminosos de Paul Schrader, despedirase do festival ás 20:15 h. no Teatro Principal. Por último, o poderoso e cru filme do portugués Marco Martins Great Yarmouth terá o seu último pase ás 22:15 h. no mesmo Principal.
PROGRAMACIÓN CINEUROPA DOMINGO 13 DE NOVEMBRO
TEATRO PRINCIPAL
16.00 OINK, de Mascha Halberstad
18.00 OS DEMOS DE BARRO, de Nuno Beato + PRESENTACION E COLOQUIO
20.15 MASTER GARDENER / O MESTRE XARDINEIRO, de Paul Schrader
22.15 GREAT YARMOUTH – PROVISIONAL FIGURES, de Marco Martins
SALÓN TEATRO
16.00 FUNNY FACE / UNHA CARA CON ANXO, de Stanley Donen
18.00 BROKER, de Hirokazu Koreeda
20.30 LA NUIT DU 12 / A NOITE DO 12, de Dominik Moll
NUMAX
16.00 SUBLIME, de Mariano Biasin
18.00 LA CLUB VIRGINIA, de Manuel Iborra + PRESENTACION E COLOQUIO
19.45 FALCON LAKE, de Charlotte Le Bon
22.00 FOUDRE / THUNDER, de Carmen Jaquier
MULTICINES COMPOSTELA
16.00 FRENCH CANCAN, de Jean Renoir
18.00 FIDDLER ON THE ROOF / O VIOLINISTA NO TELLADO, de Norman Jewison
21.15 GENTLEMEN PREFER BLONDES / OS CABALEIROS PREFIREN AS LOIRAS, de Howard Hawks
PASEOS DE CINE
12.00 CINEMA(TOGRAFO)S DE COMPOSTELA