Skip to main content
O festival internacional de cinema abre a inscrición de dous obradoiros e un encontro coas persoas integrantes do seu Xurado Oficial: o ensaísta e docente Carlos Losilla, o guionista Álvaro Brecher e a programadora Valentina Otornmin Dall’Oglio

 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023.- Cineuropa abre o prazo de rexistro nas actividades especiais da 37ª edición, tres sesións da man de profesionais de distintas áreas do eido cinematográfico que conforman o xurado oficial do certame e ás que é posible asistir de balde previa inscrición nas web de Compostela Cultura.

A primeira delas correrá ao cargo de Carlos Losilla e consistirá nun obradoiro sobre o canon cinematográfico. Ensaísta, doutor en Comunicación, profesor da Universidade Pompeu Fabra e membro do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine e de La Furia Umana, Losilla lanza un órdago fronte ao canon tradicional do cinema. Pregúntase por que teimamos en contar a historia do cine nun sentido lineal e progresivo, cando sabemos que as películas máis ben se amorean e mesturan nas nosas lembranzas, e propón trocar esa historia por un relato que substitúa o gran discurso totalizador por unha ollada máis fragmentaria, transversal e melancólica.

O obradoiro desenvolverase o xoves 16 a partir das 16.30 horas na Zona C. Para se facer cunha das 20 prazas dispoñibles para esta actividade, é preciso cumprimentar o formulario de inscrición aloxado na web de Compostela Cultura antes do mércores 15 ás 15 horas. 

O luns 20 de novembro, ás 11 horas, o festival programa un encontro aberto co director hispano-uruguaio Álvaro Brechner. En ‘Do guión á pantalla’, Brechner afondará nas decisións que cómpre tomar na adaptación cinematográfica a partir da súa propia experiencia na adaptación das obras de Juan Carlos Onetti ou de Mauricio Rosencoff e de Eleuterio Fernández Huidobro. O encontro está especialmente a futuras e futuros guionistas e cineastas, mais tamén é acaído para o público xeral que sinta interese polo que acontece detrás das escenas do cinema. Tamén neste caso, hai 20 prazas dispoñibles que se cubrirán por estrita orde de inscrición ata o domingo 19 ás 15 horas a través do formulario da web de Compostela Cultura. 

O último dos obradoiros virá da man da programadora Valentina Otormin Dall’Oglio, quen conducirá unha sesión na que afondar sobre  o proceso de curadoría fílmica. Nel abordaranse os problemas e desafíos á hora de ensamblar unha programación relevante sen deixar de lado outros aspectos fundamentais da arte cinematográfica.

A actividade desenvolverase o xoves 23 e novembro ás 11 na Zona C e o prazo para se facer cunha das 20 prazas dispoñibles remata o mércores 22 ás 15 horas. Como nos casos anteriores, iranse ocupando por estrita orde de inscrición, que deberá realizarse a través do formulario presente na web de Compostela Cultura.