Skip to main content
  • O acto de apertura terá lugar ás 19:30 h. no Teatro Principal e contará coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e varios membros da corporación municipal.
  • Druk’ (Another round), do danés Thomas Vinterberg, será o filme proxectado na sesión inaugural.

Hoxe venres 6 de novembro, dará comezo ás 19:30 h no Teatro Principal de Santiago de Compostela o acto de apertura da 34ª edición de Cineuropa, dando así lugar a 17 días compartindo o mellor cinema do último ano. O acto inaugural, que será presentado por Moncho Lemos, contará coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e varios membros da corporación municipal. Así mesmo, o director do festival, José Luis Losa, analizará as liñas principais da programación desta edición. Druk (Another round) é o filme elixido para inaugurar esta nova edición. Trátase do novo traballo do danés Thomas Vinterberg, unha historia sobre a falsa tolerancia da sociedade danesa que foi distinguido co premio ao mellor actor (Mads Mikkelsen) no Festival de Cine de San Sebastián.

 

O festival mantén o seu formato presencial, reivindicando o ámbito cultural como un espazo seguro, e velará polo estrito cumprimento do protocolo anti-Covid. Segundo o director do certame, José Luis Losa, “a celebración en liña de Cineuropa sería inviable porque tratamos de amosar o cinema máis potente a nivel artístico e creativo do ano, os filmes máis premiados e mellor valorados pola crítica, cousa que tamén implica un valor en termos de mercado. É dicir, as distribuidoras non estarían dispostas a nos ceder estas películas para ser amosadas en liña porque iso suporía o fin da súa traxectoria no circuíto de festivais que, dada a súa calidade, será longa e frutífera. Para outro festival que ten outro tipo de contidos, podería ser posible, pero Cineuropa está nas antípodas. Sería marabilloso poder facelo, porque o formato en liña tamén é unha reivindicación do cinema de emerxencia, poro, polo de agora, non é posible”.

A programación do certame máis veterano de Galicia exhibirá case un centenar de películas en catro salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX e Sala Mozart do Auditorio de Galicia). Os horarios das proxeccións garanten o cumprimento do toque de queda e do protocolo hixiénico-sanitario de limpeza e desinfección das salas entre sesións. A programación completarase con homenaxes, encontros con cineastas, mesas debate e o xa tradicional concerto da Real Filharmonía de Galicia, que nesta ocasión musicalizará The kid (de Charles Chaplin) baixo a dirección de Timothy Brock. O programa completo está dispoñible no sitio web cineuropa.gal.

A adquisición das entradas desta edición será gradual. O pasado mércores saíron á venda as entradas dispoñibles para as sesións desta fin de semana. O vindeiro luns día 9 ás 10 h, poranse á venda as entradas para a semana do luns 9 ao domingo 15, ambos incluídos. Por último, o luns 16 de novembro ás 10.00 h, sairán á venda as entradas da semana do luns 16 ao domingo 22.

É posible seguir o día a día de Cineuropa a través dos seus perfís en redes sociais: Twitter (@cineuropa_gal), Facebook (/cineuropa.gal), Instagram (cineuropa.gal). Ademais, Cineuropa34 conta cunha canle de Telegram dende a as persoas subscritas poderán recibir información sobre as actividades e a actualidade do festival.