- A ficción norueguesa dirixida por Halfdan Ullmann Tøndel é elixida polo Xurado Oficial do certame como o mellor filme da sección Novas/os Cineastas, que outorgou o Premio Especial a ‘Henry fonda for president‘, de Alexander Horwath.
- O Xurado Novo distinguiu ‘Tardes de soledad‘, de Albert Serra, como mellor filme e concedeu a mellor dirección a Dea Kulumbegashvili polo filme ‘April‘.
Cineuropa deu a coñecer este sábado os mellores traballos da trixésimo oitava edición certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal que contou coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín e do director do festival José Luis Losa, ademais da presenza do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e doutras integrantes da Corporación Municipal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa.
José Luis Losa valorou a 38ª edición como un “Cineuropa intenso, á altura do que os tempos nos reclaman; e un Cineuropa vívido, alimentado por cada unha das súas conversación nas exposicións neste parlamento cultural da rúa Nova fronte ás loiadas, fronte ao populismo rampante das redes ou das televisións, cremos no cinema como antídoto de saúde cívica. Mentres sigamos aquí nestas butacas que levan 38 anos contándonos historias libres, belas, doces ou crúas, pero sempre honestas, seremos máis sensibles ante o mundo e menos vulnerables ante a toxicidade”.
Tras agradecer a colaboración das institucións, entidades e equipos participantes na edición e o traballo das persoas que integran ambos os xurados, a alcaldesa Goretti Sanmartín despediu unha gala de clausura coa que, alén dos filmes e bo facer das e dos profesionais que os fan posibles, “celebramos a viveza deste espazo aberto e diverso; da descuberta e a inclusión de voces e perspectivas a miúdo silenciadas ou nas marxes. E celebramos a complicidade e o espírito crítico do público que, un ano máis, volveu confiar en Cineuropa e facer del un lugar de encontro, no que compartir historias e propostas que nos inspiran e conmoven, nos retan e nos enriquecen”, apuntou a alcaldesa.
Ao remate da cerimonia proxectouse o filme Les Fantômes (A rede pantasma), seleccionado na Semaine de la Critique do Festival de Cannes 2024 e debut de Jonathan Millet como director de longametraxes.
Fica aínda pendente de resolución o premio do público de Cineuropa, á agarda de coñecer as votacións dos fillmes en proxección o domingo 24 de novembro, derradeira xornada da 38ª edición do festival.
O Xurado Oficial de Cineuropa, formado este ano polas cineastas Flávia Castro e Sonia Méndez xunto á directora de Cinemateca Uruguaya, María José Santacreu, distinguiu como mellor película Armand (A titoría), de Halfdan Ullmann Tøndel. O filme noruegués, gañador tamén do premio á mellor ópera prima no Festival de Cannes 2024, é unha película chea de matices tonais que amosa como o comportamento dos nenos non deixa de ser un reflexo do dos adultos. O xurado concedeu ademais un premio especial a Henry Fonda for president, o documental do cineasta austríaco Alexander Horwath.
O filme Akiplėša (Toxic) valeulle á realizadora lituana Saulė Bliuvaitė o premio á mellor dirección mentres que o galardón ao mellor guión recaeu en Michael Tyburski por Turn me on. Ademais, o Xurado Oficial distinguiu as tres actrices de Les femmes au balcon (Mulleres no balcón), Noémie Merlant, Sanda Codreanu e Souheila Yacoub, co premio á mellor interpretación.
Palmarés do Xurado Novo
O Xurado Novo, integrado por Alejandro Alonso Rial, Antía Castillo Fernández, Carmen Mato Filgueira, Raquel Rodríguez Cocaño e Uxío Figueroa de la Fuente recoñeceu o documental Tardes de soledad, de Albert Serra, como mellor filme da edición. A xeorxiana Dea Kulumbegashvili gañou o premio á mellor dirección por April. A española Polvo Serán, de Carlos Marques-Marcet, fíxose co premio ao mellor guión, asinado polo director do filme xunto con Clara Roquet e Coral Cruz. Finalmente, os premios ás mellores interpretacións recaeron na actriz Ingrid García-Jonsson por Una ballena e Franz Rogowski por Bird.