Skip to main content

O Teatro Principal acolleu este martes a entrega do Premio Cineuropa a Alberto Gracia nun acto que contou coas intervencións da alcaldesa Goretti Sanmartín, do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, do director da 38ª edición do certame, José Luis Losa e do propio homenaxeado. A cerimonia, que incluíu a proxección de La Parra, o último filme do cineasta ferrolán, contou tamén coa presenza da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o director da AGADIC, Jacobo Sutil e de integrantes da corporación municipal santiaguesa, alén de representantes da CRTVG, do equipo do filme e de numeroso público que esgotou as localidades do teatro.

No discurso co que se abriu o acto, José Luis Losa referiuse ao cineasta como “estrela errante” á que atribuíu “algún dos mellores desplantes de humor irreverente, intelixente e airado do cinema desta década, que son un cóctel do esperpento de Valle-Inclán e do nomadismo do mellor Cunqueiro”.

A seguir, o conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou o seu traballo como referente dun “cinema que dende Galicia proxecta unha imaxe de modernidade cara ao resto de España”.

Alberto Gracia recolleu o premio Cineuropa de mans da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, que puxo en valor a ollada irreverente do cineasta, a súa aposta pola experimentación e a descuberta, como características que merecen a máxima distinción dun festival que procura, á súa vez, “provocar o público, movernos, conmovernos, facernos pensar dende unha sinxeleza que afonda e busca tamén as raíces”.

No seu discurso de agradecemento, Alberto Gracia fixo una defensa “dun cinema que non nos robe a paixón e que non nolo dea todo mastigado, que nos faga pensar e nos force á desemellanza, á diferenza e á empatía co outro”. Gracia apuntou:“eu tiven a necesidade imperiosa de facer cinema porque tiña que contar a miña propia historia, unha historia que é a de todos, porque no fondo todos somos humanos, pero que estada contada dende a singularidade do universo propio, sen medo a ser rexeitado e pesares diso”. E, dende esa perspectiva, engadiu: “creo que premiar un cinema como o meu é un acto de valentía, tamén de rebeldía e sempre, sempre, de resistencia”.