A 38ª edición de Cineuropa fai entrega este mércores do Premio Cineuropa á realizadora brasileira Flávia Castro. O festival distinguirá a traxectoria da cineasta nunha gala que terá lugar ás 20.15 horas no Salón Teatro coas intervencións da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e do director de Cineuropa José Luis Losa. Tras a entrega do premio, proxectarase o documental Diário de uma busca (2011), dirixido pola homenaxeada. Premiado en varios países, o filme retrata a historia de vida do seu pai Celso, xornalista e militante de esquerdas que, en 1984, apareceu sen vida en Porto Alegre, no piso dun suposto ex oficial nazi. Este episodio é o punto de partida para unha viaxe no tempo e na xeografía do exilio a través de cartas, lembranzas e testemuños marcados pola historia do Brasil e polo fracaso dun proxecto político. Os convites para asistir á gala de entrega da máxima distinción do festival á cineasta brasileira estarán dispoñibles dende este luns ás 15 horas na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural.
Flávia Castro é guionista, produtora e directora alén de investigadora e docente. A súa primeira longametraxe de ficción, Deslembro (2018) estreouse no Festival de Venecia, onde obtivovarios premios da crítica e do público. Este filme, que se proxectou en Compostela no marco da 32ª edición de Cineuropa, narra a historia de Joana, unha adolescente que vive en París coa súa familia cando se decreta a amnistía no Brasil. Dun día para o outro, organizan a volta a un país do que case non ten lembranzas.
O relato cinematográfico da memoria e a súa visión do século XX brasileiro continúan en As vitrines (en postprodución), unha ficción inspirada nos tres meses que pasou protexida coa súa familia e centos de refuxiados na embaixada de Arxentina en Santiago de Chile tras o golpe de Pinochet.
Val del Omar: o cinema como elemento
Cineuropa dedica na súa 38ª edición un programa especial ao cineasta granadino José Val del Omar. Figura esencial e, ao mesmo tempo, insólita dentro da cinematografía española, foi un artista e inventor fulcral no cinema experimental.
Na sesión especial que Cineuropa lle dedica, o martes 19 de novembro ás 20.00 horas en NUMAX, preséntase o Tríptico Elemental de España, a obra maiúscula deste cineasta. Conformada polas pezas Aguaspejo granadino (1953), Fuego en Castilla (1958) e Acariño Galaico (1961-1995) constitúe unha historia sincrética e esotérica do país, na que se concentran a filosofía sufí, o duende flamenco, Federico García Lorca, San Juan de la Cruz, San Agustín ou o neoplatonismo. Para Val del Omar, un elemental é unha nova forma de poema audiovisual, pero tamén son as tres esencias naturais constitutivas de cada filme: a lama en Acariño galaico, o lume en Fuego en Castilla e a auga en Aguaespejo granadino.
Neste Tríptico, o cineasta usa intervencións como os desbordamentos da pantalla e o son diafónico, patentados polo autor, que conducen cara a unha percepción física e corporal da imaxe, a chamada táctil- visión. Estas invencións, entre outras moitas, e mais a súa ansia transcendente son o que Val del Omar chamaría a mecamística do cine.
Albert Serra presenta ‘Tardes de soledad’
A semana garda tamén lugar para unha presenzas máis destacadas do festival. Este luns 18 de novembro ás 19.00 horas Cineuropa inclúe a estrea en Galicia de Tardes de Soledad, a película coa que Albert Serra se fixo co Concha de Oro no festival de Cine de San Sebastián. O pase no Teatro Principal contará coa participación do cineasta que estará en Santiago de Compostela para presentar este traballo ao público e participar nun coloquio ao remate da proxección. O filme terá un segundo pase no mesmo espazo da rúa Nova o martes 19 ás 22.00 horas.
Non exenta de polémica, a película é un retrato de proximidade dub día de faena dunha estrela do toureo en activo, o peruano Andrés Roca Rey. O filme convida a reflexionar sobre a experiencia íntima dun toureiro que asume o risco de se enfrontar ao touro como un deber persoal por respecto á tradición e como un desafío estético.
Albert Serra é un dos cineastas españois máis recoñecidos internacionalmente. Acadou as olladas do circuíto internacional de festivais con Honor de caballería, estreada na Quinzaine des Réalisateurs de Cannes do 2006 e aclamada pola crítica. No 2009 regresou ao certame francés con El cant dels ocells, que tamén foi seleccionada e galardoada en varios certames internacionais. No 2013 escribiu e dirixiu a película Historia de mi muerte, premiada co Leopardo de Ouro de Locarno e seis anos despois volveu de novo a Cannes con Liberté, coa que se fixo co premio especial do xurado. En 2022 dirixiu Pacifiction, un thriller hipnótico rodado na Polinesia francesa que acadou dous premios César da Academia do Cine Francés e foi elixida mellor película daquel ano por Cahiers du Cinéma.