Skip to main content
A actriz recolleu o Premio Cineuropa de mans da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín
Tras a cerimonia de entrega, proxectouse a película ‘Sobre todo de noche’ de Víctor Iriarte

 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023.- A actriz Ana Torrent recolleu este xoves o seu premio Cineuropa e, con el, o recoñecemento e admiración do público de Compostela que encheu o patio de butacas do Teatro Principal. O acto contou coas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, do director do festival José Luis Losa e da homenaxeada, para alén da presenza da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e de integrantes da Corporación municipal.

No discurso co que abriu a gala, José Luis Losa fixo referencia ao especial momento profesional que vive a actriz que, 50 anos despois do seu primeiro papel nas pantallas en El espíritu de la Colmena, volveu este ano traballar co director daquel filme, Víctor Erice, na película Cerrar los ojos: “Detrás das dúas Anas, a de El espíritu de la colmena e a de Cerrar los ojos había, e agora sabémolo a mesma esencia: a procura ou a necesidade de vivir o cinema como acto de sanación, como milagre laico. Como sombras chinesas ou realísimas dunha mesma maxia: a pantalla escura como templo onde respirar fondo e renacer”.

Encargada de facer a entrega do galardón, a alcaldesa Goretti Sanmartín puxo en valor a traxectoria da actriz, agora recoñecida co premio Cineuropa “non só pola súa mestría interpretativa, senón tamén pola escolla dunha sucesión de papeis que rachan cos estereotipos da representación feminina e que nos permitiron ollar tamén outro tipo de mulleres. Con esa mirada experta, Ana Torrent foi fiando unha carreira meditada e formidable na que a vimos poñer corpo e voz a nenas, adolescentes e mulleres complexas, diversas, contraditorias, arestadas tras as que a actriz desaparecía por completo para ser outra. Para saír ao encontro coas outras. Para adoptar outra maneira de mirar”.

Tras agradecer o recoñecemento, Ana Torrent tomou prestadas as palabras de Carlos Saura para explicar a súa carreira como combinación do azar e da necesidade. “Coido que o azar fixo que Víctor se topara comigo, me descubrise. A necesidade fixo que ás veces necesitase expresarme, entender, traballar tamén e foime levando por unha carreira incerta, na que cando o miro cara a atrás tento pensar que queda de cando empecei, que conservo e que se mantivo. Sei que conservo a curiosidade e a sensación de vivir o cinema como algo moi misterioso.

Vivino así dende nena, entrei no cinema como nunha película. Facía e vía por primeira vez unha película facendo El espíritu de la colmena e todo estaba rodeado de misterio. Esta profesión segue a parecerme misteriosa.  Esta profesión onde interpreto, coa que me meto na pel das persoas, entendo outros mundos, outras formas de pensar e sentir. E na que o público sente empatía, pode descubrir esoutros mundos e sentir cousas que non sentiría. É unha carreira na que todo se envolve no misterio”.

Ao peche da cerimonia de entrega do premio, o público asistiu á proxección do filme Sobre todo de noche, una película dirixida por Víctor Iriarte e protagonizada por Ana Torrent, que forma parte da selección competitiva do festival.

Sobre todo de noche (2023)

Ana Torrent, Lola Dueñas e Manuel Egozkue encabezan o elenco de Sobre todo de noche, o filme polo que Víctor Iriarte se fixo co Premio FIPRESCI da crítica internacional na SEMINCI de 2023. Con guión de Isa Campo, Andrea Queralt e o propio Iriarte, e cun equipo de produción do que forma parte Isaki Lacuesta, a película propón un relato de vinganza e violencia a partir dun crime real acontecido en España, que atravesa o melodrama íntimo construído arredor dun fillo, Egoz –interpretado por Manuel Egozkue– e as dúas dúas nais, a biolóxica, Vera –á que pon corpo e voz por Lola Dueñas– e a adoptiva, Cora, –interpretada por Ana Torrent. María Vázquez, Katia Borlado e Lina Rodrigues completan o cadro actoral dun filme que conta coa dirección de fotografía de Pablo Paloma, a dirección de arte de Izaskun Urkijo, a montaxe de Ana Pfaff e música de Maite Arroitajauregi.

Sobre o motivo que o levou a recrear esta historia para o cinema, Víctor Iriarte explica en conversa con Isaki Lacuesta:  “Lin esa noticia breve hai algúns anos e aquela historia quedáraseme moi dentro. Publicouse no xornal El País en febreiro de 1996 e dicía así: 50 antigos alumnos dun orfanato descobren quen son as súas nais biolóxicas ao recibir unha serie de cartas anónimas. Un sospeitoso acusado de roubar os arquivos da institución. O caso interesoume por dúas razóns moi poderosas: Primeira, pola súa vinculación directa coa historia negra da España do franquismo e da transición. Durante os últimos anos da ditadura e o inicio da democracia, o roubo de bebés a mulleres foi unha práctica amparada polo sistema xudicial postfranquista. As asociacións calculan que entre 1940 e os anos 90, preto de 300.000 bebés foron roubados en España.

Sobre todo de noche propón un relato que está atravesado por un dos crimes máis horrendos da historia española recente, e que ademais nunca puido ser xulgado. Neste sentido, é unha película política, un exercicio de memoria, verdade e reparación que utiliza as ferramentas do cinema negro e do melodrama para contar a historia destas dúas mulleres enfrontadas ao seu destino.

A segunda razón tiña que ver coa dimensión humana desta historia” (Conversa entre Víctor Iriarte e Isaki Lacuesta recollida no pressbook de Sobre todo de noche).

>>> Máis información sobre programación e entradas nas webs de Cineuropa e Compostela Cultura.