#CINEUROPA30

96 min. / Drama / España, Francia, Qatar, Marrocos / Árabe
Sección oficial

Teatro Principal, VEN 11, 20:00

Mimosas

Sinopse:

Unha caravana acompaña un moribundo Sheikh a Sijilmasa. A súa última vontade é ser enterrado xunto aos seus, pero a morte alcánzao mentres cruzan os escarpados cumes do Atlas marroquí. Os portadores, temerosos da montaña, néganse a seguir. Ahmed e Said, dous buscavidas que viaxan coa caravana, din coñecer o camiño a Sijilmasa e ofrécense a levar o corpo ata alí.
Noutro mundo, paralelo e remoto, Shakib é escollido para viaxar ata as montañas onde se atopa a caravana. O seu labor é claro: ten que axudarlles aos improvisados portadores a chegar ao seu destino. Shakib tamén dubida, é a súa primeira misión.

Ficha artística:

Ahmed Hammoud, Shakib Ben Omar, Said Aagli, Laaziza Ikram, Ahmed El Othemani, Hamid Fardjad, Margarita Albores, Abdelatif Hwidar, Ilham Oujri, Moe Mohamed Oummad, Hassan Ben Badida, Mohammed Ikrizzi

Ficha técnica:

Guión: Oliver Laxe, Santiago Fillol
Fotografía: Mauro Herce
Produción: Zeitun Films / Rouge International / La Prod

Premios:

  • Premio semana da crítica no Festival de Cannes 2016

O corpo dun ancián é trasladado a través do deserto do Atlas. Nun traxecto que lle permite a Oliver Laxe despregar as ás dun voo sen folla de ruta ortodoxa. Epopea, non sei se mística, pero en todo caso si reivindicativa dunha idea da fe que pode ir de Herzog a Tarkovski, de Ozu a Dreyer. E Mimosas, con ese heroe que ten algo do quixotismo do home que puido reinar e que encarna con vigor o actor-compás de Laxe Shakib Ben Omar, describe unha libérrima parábola que une cine de aventuras e periplo de almas. Teremos para a presentación en Galicia de Mimosas a Oliver, o noso Premio Cineuropa en 2010, e ao seu actor, Shakib Ben Omar, para quen tampouco é novo o Principal porque xa estivo aquí con Todos vós sodes capitáns. E celebraremos o seu cinema e o premio na Semana da Crítica de Cannes. Aínda está por medir a importancia deste recoñecemento para o noso cineasta. E para unha produción da galega Zeitun, de Francia e de Marrocos. E co español ICAA au-dessus de la mêlée.

— José Luis Losa

Mimosas