#CINEUROPA30

Acreditacións Cineuropa

Con motivo da celebración de #CINEUROPA30, a edición de 2016 do Festival de Cinema Internacional CINEUROPA de Santiago de Compostela que se celebrará entre os días 8 e 27 de novembro de 2016, e co fin de facilitar o traballo dos medios de comunicación expoñemos aquí as indicacións para que os e as xornalistas poidan acreditarse e desenvolver axeitadamente o seu labor.

As solicitudes de acreditación deberán remitirse ata o vindeiro venres 4 de novembro á atención de Míriam F. Louzao, responsable de comunicación do festival, á dirección de correo electrónico comunicacion@auditoriodegalicia.org.

Deberá xuntarse unha carta do/a director/a ou redactor/a xefe do medio de comunicación que acredite o traballo da persoa ou persoas que se encargarán da cobertura de Cineuropa, así como a función que estes desempeñarán (informativa, crítica, gráfica, etc.).

Por mor do aforo das salas e do elevado número de acreditacións, non abonda con acreditarse para acceder directamente a todos os eventos, senón que se deberá avisar con antelación da intención de cubrir unha determinada proxección para así garantir ter a entrada. Deberá avisarse sempre antes das 14.00 horas do día anterior ao pase a través do mesmo correo electrónico: comunicacion@auditoriodegalicia.org As entradas para a fin de semana teñen que pedirse antes das 14.00 h do venres. Desde a organización mandarase un mail de confirmación da recepción para que ao xornalista interesado lle quede confirmado que se atendeu a súa petición.

A recollida da entrada farase no acceso á sala por parte do persoal que se atope na porta (ollo, non no despacho de billetes, senón xa na entrada á sala, para así evitarlle ao xornalista, de habela, a cola do despacho de billetes) e será imprescindíbel a presentación do DNI. Dada a ampla demanda que xeran determinados filmes, as persoas acreditadas serán responsables do bo uso que fagan das entradas co fin de evitar deixar localidades baleiras.

Unha vez rematado #CINEUROPA30 pregamos remitan un dossier en soporte dixital coas informacións elaboradas sobre o festival á mesma dirección de correo electrónico do Auditorio de Galicia.

Moitas grazas.