#CINEUROPA30

Lola Dueñas

Relacionado: Premio Cineuropa 2016 a Carlos Saura e Premio Cineuropa 2016 a Chema Prado


Lola Dueñas vén de rematar a azarosa rodaxe de Zama, o agardado retorno da arxentina Lucrecia Martel baseado na novela de culto de Antonio Di Bendetto. E en Francia filmou tres películas este ano, unha delas a excepcional Les Ogres, de Léa Fehner, que Cineuropa ofrece en primicia absoluta en España despois de que o noso equipo se namorase da película no pasado Róterdan. Tamén vén Lola de campear como musa do cinema de terror asalvaxado con Alléluia, a versión de Fabrice Du Weltz do caso dos asasinos da lúa de mel (The Honeymoon Killers, de Leonard Castle; e tamén o Profundo Carmesí do noso Premio Cineuropa do pasado ano, Arturo Ripstein) que estivo na Quincena de Cannes e pola que premiaron a Lola no Festival de cinema Fantastico de Austin.

Xa ven, protagonista dun cumio do existencialismo ao Godot; asasina pasional que leva de rúa un festival de xénero. No noso país reclámana directores que buscan as delicatesen como o noso Luis Miñarro, que lle deu moita presenza no seu musical deliciosamente tolo e republicano, Stella Cadente. E tamén puidemos vela en Galicia, dirixida polo noso Alfonso Zarauza n’Os fenómenos, cinema marxista e con pulso, que tivo longo e exitoso percorrido por festivais.

Toda esta bagaxe tan fecunda dá unha idea de como as actrices da legua, na vida real, néganse a instalarse no máis cómodo, ou rexeitan vivir de rendas ou premios e tiran pola rúa de no medio. E o seu talento é acollido, como non, en Francia, onde desenvolve agora boa parte da súa carreira. Ou en Arxentina, na selva do Paraná, nada menos que coa Martel.

Isto fixo Lola Dueñas, con dous Goya, un premio a mellor actriz en Cannes, naquel elenco all-stars de Volver, e unha Cuncha de Prata en Donosti. Con Almodóvar transitou da comedia ao drama pasional arrebatado, ata en catro ocasiones. Porque Lola Dueñas é versatilidade prodixiosa. Unha das actrices españolas máis puramente crossover que coñezo. Un dos seus Goyas é medio galego, como compañeira do Ramón Sampedro de Amenábar. Pode protagonizar unha comedia francesa de gran público ou cinguirse á intensidade certeira do Javier Rebollo de Lo que sé de Lola, con quen xa mantivera complicidade nunha serie de curtas que pagaría a pena recuperar.

Neste Cineuropa verémola, xa está dito, en Les Ogres, como parte dunha troupe teatral na que dá toda a impresión de gozar. E celebraremos o oficio de actriz das mil caras, imposible saber por onde sairá a próxima, da nosa homenaxeada.

José Luis Losa,
director de Cineuropa