#CINEUROPA30

Chema Prado

Relacionado: Premio Cineuropa 2016 a Carlos Saura e Premio Cineuropa 2016 a Lola Dueñas.


Despois de 26 anos á fronte da Filmoteca Española, Chema Prado anunciou en marzo de 2016 a súa saída do cargo. O combate contra a desidia de quen manda no Ministerio de Cultura –e foron moitos e moi poucas veces bos os que comandaron ese ministerio desde que Chema pasou a dirixir a Filmo con Miguel Marías como director xeneral e Jorge Semprún no papel do ministro. Nese tempo, Chema Prado situou á Filmoteca Española en lugar preeminente en canto a prestixio internacional– pola sede estable de proxeccións, o Cinema Doré, inaugurado baixo o seu mandato, pasaron Jim Jarmusch, Budd Boetticher, Néstor Almendros, Jean Negulesco, Stanley Donen, Bernardo Bertolucci, Jacques Demy, Abbas Kiarostami e tutti quanti- e inaugurouse en 2012 o Centro de Conservación e Restauración na Cidade da Imaxe de Madrid.

Á beira deses logros, o frontón das administracións á hora de dotar á Filmoteca dun orzamento razoable que non afogase ao seu persoal; a negativa para recoñecerlle á institución o carácter de ente autónomo, como o son o Museo do Prado ou a Biblioteca Nacional; e a consecuente inestabilidade, os traballos de Sísifo de comezar de novo de cero con cada director xeral entrante no ministerio. Chema Prado forxou, aínda con eses impedimentos, unha Filmoteca para tempos de resistencia. Porque Chema foi un resistente animoso durante case todo este tempo. Infatigable á hora de tecer lazos institucionais e amizade duradeira con nomes como Bernardo Bertolucci, Manoel de Oliveira, Catherine Deneuve, John Malkovich ou Jim Jarmusch. Sempre xeneroso tamén á hora de compartir encontros e de oficiar de embaixador desinteresado de festivais modestos como o noso. Chema foi e vai seguir sendo un gran amigo de Cineuropa, un respaldo anímico e unha autoridade moral. Diciamos que a pesar de todas as trabas, conseguiu vivir o seu posto na Filmoteca co valor e o optimismo do resistente. Ata que o esgotaron. Demasiadas incompetencias, rancores que non paga a pena rememorar e que chegaban de arriba do Aurea mediocritas. Agora vai ter máis tempo para dedicarse á súa gran paixón, a fotografía. Desde que en marzo anuncio a súa saída da Filmoteca, recibiu tributos en París, no Cinema Ritrovato de Bolonia, en México, na Seminci. O noso festival celebra a Chema Prado e o seu labor de catro décadas de entrega ao cinema e á súa preservación. Celebra ao resistente e abraza ao amigo incondicional de Cineuropa.

José Luis Losa,
director de Cineuropa